PREGOEIRO ANO 2005

Estamos celebrando a XXV Romaxe de Penas de Rodas, un dos santuarios naturais máis selleiro de Galiza, froito dun proceso xeolóxico de moitos séculos que se ergue hoxe coma un dos sinais máis significativos do noso contorno. Longos séculos de erosión das granodoritas crearon estas formas prodixiosas que marcan a paisaxe para sempre, diferenciandoa doutros recantos do país. somos Terra e esta visión e imaxe da Terra Chá forma parte de nós, abre os nosos corazóns nunha apreta e comuñón con ela, dende aquí podemos albiscar todo este "mar en calma" que é a Chaira, o noso universo, o de cada un de nós.

Agora mesmo, nesta festa, estamos a beneficiarnos deste prodixio da natureza que nos protexe contra os males e andacios mentres o manteñamosno seu equilibrio e espazo natural. O labor do tempo, das chuvias e dos ventos, ampáranos nes unión coa natureza, acadando esta harmonía dos elementos que sosteñen a nosa vida, a saúde que hai en nós. ......

As penas que nos observan e contempla óllanos con tenrura e agarimo, endexamais son amenazantes nin teñen a mirada retorta de moitos dirixentes que destruen a natureza coma se fose a súa finca particular. É verdade que hai comoa un temor sagrado a que nos desfaga o alcatrán, o veleno, que garda unha delas, que pode apisonar todo xermolo de vida, invadir estes camiños e carreiros que traen e levan ás peregrinas e ós peregrinos a este templo da creación, pero contamos coa forza do alto que denuncia e pon ó descuberto calquera prepotencia e manipulación humana, por iso esta visión da natureza que está a envolvernos agora ten un sentido profético, estas penas son un berro permanente contra a explotación irracional que moitas veces estamos a provocar.

As Penas de Rodas son unha fonte sobranceira de símbolos e mitos que axudaron a medrar esta comarca, a crear unha cultura popular que configurou o voso xeito de vivir e comunicarvos na sociedade. Coa tutela deste manantial cobrou un significado especial para o controno de Gaioso calquera traballo en predra dende as mámos ata os cruceiros.....

Un dos últimos milagres da maxia encantadora destes receptáculos sagrados que irradian ó seu arredor tanta enerxía e luz, foi a creación a súa sombra da Asociación Cultural Penas de Rodas con toda esta historia preñada de vida e de ben, porque non é doado organizar e artellar nestes tempos de tanto individualismo un colectivo que traballe e faga tantas cousas polo seu pobo dende 1979. Tedes o galano de ser os primeiros en recibir estas vibracións pero a súa forza chega a todos os recantos da Terra Chá e da nosa Terra, os seus raios de luz e os seus destellos de beleza envolven enfeitizados por tanta fermosura, a Fundación Manuel María non atopou outro indicativo ou icono para a súa representación pública cás Penas de Rodas, santo e seña das súas actividades.

Foi o noso poeta da Terra Chá, veciño destes lares, Manuel María, o que mellor sentiu o seu latexo:

"Penas de Rodas: asombro que sempre

ten marabillada a miña xente;

teima á que volto cada día;

fantasía dos meus soños de neno

coa lenda da pena de ouro

e a pena de alcatrán, capaz

de rematar coa terra polo lume;

enormísimos ollos xigantescos

cos que se olla a sí mesma

a Terra Chá, círculos astrais

redondos e perfectos como o mundo;

pedras sacras, unxidas algún

día, co sangue novo e ritual

dos sacrificios; aí estades

mudas, caladas e impasibleis

en loita cos ventos, choivas,

neves, xistras e xeadas,dando

testemuño de que quen ten vontade

de ser e de existir é invencibel,

¡ouh Penas de Rodas que velades

o espírito ancestral da miña tribo!"

 

Las cookies nos permiten ofrecer nuestros servicios. Al utilizar nuestros servicios, aceptas el uso que hacemos de las cookies. Saber más

Acepto