PENAS DE RODAS


Santiago de Gaioso é unha parroquia do concello de Outeiro de Rei, situada a 18 km. de Lugo, capital da provincia, e asentada "alí onde nace ou morre a Terra Chá", como deixou escrito o grande poeta chairego Manuel María.
Cruzando o antigo campo da Feira de Gaioso, onde se pode ver un belido cruceiro de 1900, obra dos canteiros vilalbeses de Román, e subindo ata os 484 m., están AS PENAS DE RODAS, dous enormes penedos de forma case esférica, apoiados noutras rochas nun punto tan mínimo que fai que a súa estabilidade resulte case inverosímil.

penas1 penas4 penas6 penas7 penas5
penas3 pedra poema

Este monumento natural, un singular capricho xeolóxico froito da erosión sufrida durante millóns de anos, preside toda unha paraxe de penedos e dende el pode ollarse unha boa parte da Terra Chá, vista panorámica que se amplía cando se sobe ó cume da Cruz do Quinto ou de Paraños, vértice xeodésico situado a 614 m. de altura, dende o que podemos ver tamén o val de Candai e as terras de Francos, Vicinte e de Santo Tomé de Gaioso.
A orixe deste tipo de formacións baséase na acción da auga sobre da pedra e é típica de Galicia e o norte de Italia. Pero é moito máis fermoso imaxinar que estamos diante da obra do Diaño ou dalgún trasno burlón, que segundo contan en Gaioso está aínda esperando por homes capaces de movelas.
Varias lendas de tradición oral acompañan estas senlleiras Penas. A máis coñecida delas recolle que un dos penedos garda ouro e outro alcatrán, esto é, a riqueza e a miseria, pero non se poden abrir nin escachar, pois se no canto de atinar coa que ten o ouro, se rompese a de alcatrán, toda a comarca desaparecería queimada e anegada pola negra pasta. Outra lenda fala dunha señora que aparecía nas Penas para revelalo tesouro que posuían, e algún conto popular tamén quere ver nelas un lugar empregado como altar para faceren ofrendas de sangue.
O citado escritor de Outeiro de Rei, Manuel María, na súa espléndida obra Terra Chá, adicóu ás Penas de Rodas un poema que comeza así:

En Gaioso, ollando a Chá
Hai dúas penedas ergueitas
¡Semellan non ser verdá
redondeces tan ben feitas

 

Las cookies nos permiten ofrecer nuestros servicios. Al utilizar nuestros servicios, aceptas el uso que hacemos de las cookies. Saber más

Acepto