D. ARCADIO SILVOSA ALONSO

PREGOEIRO ANO 2010

É o pregón de "XXX Romaxe de Penas de Rodas". Si queridos amigos e amigas, trinta; trinta anos de romaxe sen interrupción. Trinta, un número redondo que non é froito da casualidade. É consecuencia do tesón, de bo saber facer, do traballo da xente de Gaioso que  fostes quen de facer deste paraxe presidido por estas dúas rochas, -tan ben labradas pola gubia do tempo como misteriosas-, non so un punto de encontro, como o de hoxe, senón que aquí fornece grazas a vosa dedicación un punto neurálxico de cultura e lecer que levan as Penas de Rodas máis aló da súa fermosura paisaxística, e que dende hoxe tamén poderemos observar con ese alumeado que realzará día e noite este recuncho de obrigada peregrinación. Todo un santuario de beleza natural.

Por aquí voou un día a imaxinación de Suso de villegas e mesmo o crego Francisco Porral. Xa non están entre nós, pero de seguro que están a sentirnos, mesmo vernos, .......

O crego Porral, ....... estaralle a contar a Suso como está a situación nesta terra.

"Amigo Suso, na terra a cousa está xorobada, que non te estrañe se algún día nos rebentan unha das rochas para ver se atopan a trabade de ouro e desta maneira poden amañar un pouco a crise" diríalle Porral nese encontro.

"Home, -espetaríalle Yáñez-, non me amoles, que se baten ca de alcatrán acabouse Gaioso, Caboi, Francos ou mesmo Rábade e estes aínda non celebraron as festas do 15".

Laiando e sentindo de verdade ámbalas dúas ausencias, miren por onde a tradición oral, a máis fermosa das tradicións, tamén pode levar o máis aló a historia destes penedos, que teñen unha explicación científica, pero que eu prefiro quedarme ca lenda.

Non me digan que non é moito máis interesante contarlle a fillos e netos que estas rochas agochan ouro unha e alcatrán a outra, en vez de dicirlles que son froito da acción "bioxeoquímica", si é que di así, da auga sobre a pedra granítica,

"Bioxeoquímica", ¡ A que parece como si estivéramos insultando as rochas! Pois non, insisto, prefiro a lenda como tamén o fixeron prestixiosos historiadores como Taboada Chivite ou mesmo Amor Meilán, inda que ninguén as describiu tan atinadamente como fixo o noso poeta Manuel María.  Foi el quen deixou escrito:

"Penas de Rodas: asombro que sempre

ten marabillada a miña xente;

teima á que volto cada día;

fantasía dos meus soños de neno

coa lenda da pena de ouro

e a pena de alcatrán, capaz

de rematar coa terra polo lume,

enormísimos ollos xigantescos

cos que se olla a si mesma

a Terra Chá, círculos astrais

redondo e perfectos como o mundo;

pedras sacras, unxidas algún

día co sangue novo e ritual

dos sacrificios; aí estades

mudas, caladas e impasíbeis

en loita cos ventos, choivas,

neves, xistras e xeadas, dando

testemuño de que quen ten vontade

de ser e de existir é invencíbel,

¡ou Penas de Rodas que velades

o espírito ancestral da miña tribo !


Que cousa mais descritiva e fermosa, se non fora por quen a acaba de ler. Por iso quero entoar as miñas disculpas e . votándolle de novo máis valor do que debera digo:

Amigo Manuel María a culpa foiche do Xosé Manuel, non se decatou de miña ousadía e chamoume para ler este papel, estamos poeta querido nas Penas de Rodas de romaxe, ninguén te ten esquecido, todos lembramos a túa obra, a túa poesía, a túa imaxe.

Como o mal xa está feito, diexádeme só un intre para votar a voar a miña imaxinación. Quero levar estar formas redondeadas que emerxen neste espazo de tranquilidade xunto co melodioso canto de paxaros o meu terreo, a radio. Converto pois as rochas en dous altofalantes, que lle din a Suso, a Porral, a toda a xente de Gaioso, de Outeiro de Rei, da Chaira e do mundo enteiro, que o espírito de Penas de Rodas está máis vivo que nunca. Nin o paso dos anos, nin a crise, nin sequera un infame pregoeiro seremos quen de votar abaixo tanto traballo ben feito. Serán estes altofalantes os que reivindicarán a casa de Manuel María como museo, tamén serán quen de procurar a sensibilidades das autoridades para que non morra no eido dos esquecementos que as Penas de Rodas teñen que ser declaradas, antes hoxe que mañá, MONUMENTO NATURAL.

Preparémonos pois para alimentar o espírito ca misa e logo facer o propio co bandullo. Comede e bebede segundo o sentido vos dite, pero non esquezades que logo inda queda moita tarde por diante e non está ven aparecer cabreados ca verticalidade.

E xa sabedes, nada de "bioxeoquímica". Ë máis vou rematando e quero facelo dun xeito revelador, pois eu sei cal é a rocha de ouro e cal a do alcatrán. Dixéronmo ou o soñei, pero seino e vóuvolo dicir. Atentos:  a rocha de ouro é a que está a dereita, consecuentemente a do chapapote é a outra. Ei! ¿ a dereita mirando de fronte ou de costas como estou agora?, pois me falte o demo que ese dato non o teño.

Xa que logo queridas rochas aí quedades, outro pregoeiro virá  que vos honrará como compre. Seguiredes dando sentido a este espazo, continuaredes agochando o gran segredo da lenda e seredes o símbolo, a guía, o elemento aglutinador para xente como Xosé Manuel o presidente, Mailo que o substitúe cando fai falla, Alfonso que da fe de todo o moito que acontece case que de cotío ou Suso Varela o home que mesmo neste tempos é que de atopar cartos, tamén Raquel, Luz, María, Paco ou Pepe Romero, para que sigan a traballar e perpetúen no tempo cousa sen igual.

Moitas grazas por terme aguantado e quero que sexades coñecedores de que eu fun un pregoeiro máis, pero este pregón non será un máis na miña traxectoria, será, de verdade, algo moi especial, tamén inesquecible que ficará na miña lembranza das cousas, por boas, inesquecibles.

Ademais meus queridos amigos e amigas, ¿ que vos podería contar eu que non o fixeron de xeito máis erudito xente como Darío Xoán Cabana, Lois Diéguez, Adolfo Abel, Xulio Xiz, Felipe Arias ou xa mesmo o xa nomeado Pepe Tuñas?. Por iso rematar cunha frase que utilizo sempre que podo, pero que pertence a quen tamén foi pregoeiro e amigo persoal D. Xosé Trapero Pardo: ".....bo proveito amiguiños" con un engadido, LONGA VIDA O ESPÍRITO DE PENAS DE RODAS. Con saúde e un pouco de sorte, xa sen a responsabilidade de pregoar ate o ano que ven.

Asinado: Arcadio Silvosa, un xornalista coido que de ben, que o fixo todo o ben que puido.

 

Las cookies nos permiten ofrecer nuestros servicios. Al utilizar nuestros servicios, aceptas el uso que hacemos de las cookies. Saber más

Acepto