HISTORIA

No ano 1979, un grupo de amigos decidiron arranxa-lo recinto natural de Penas de Rodas, coa colaboración dos veciños da parroquia. Nese mesmo ano fundouse un grupo de gaitas e danzas e outro de teatro que botaron a andar no ano 1980.

Dende 1981 a Asociación Cultural "Penas de Rodas" organiza unha festa "ROMAXE que se celebra anualmente cada domingo anterior ó 12 de agosto, ó aire libre e na propia área recreativa das Penas. O programa contempla un pregón da festa (no que participaron xa moitos escritores lucenses), unha misa de campaña, unha comida, actuacións de gaitas e danzas, bandas de música e charangas, xogos populares e exposición de productos de artesanía, concluíndo o día con unha queimada final. Nesta festa participan xentes de toda a comarca chairega, de distintos puntos de Galicia ou que están en períodos de vacacións.

Ademais da Romaxe de Penas de Rodas, esta asociación, que dispón dun local social na mesma parroquia de Santiago de Gaioso, realiza actividades ó longo do ano. Entre elas destacan: a festa de Reis, a cacharela de San Xoán, obradoiros de danza, gaita e teatro, cursos de manualidades, de bailes, de xardinería e arte floral, de micoloxía, cata de viños, viaxes culturais, un magosto popular, e a plantación de árbores autóctonos.

A Asociación "Penas de Rodas", que conta con máis de douscentos membros, dedica os seus maiores esforzos á protección e promoción de tan singular paraxe natural, acollendo tamén nesta área actividades doutras asociacións e entidades culturais e educativas, e tratando de dar a coñecer e difundi-lo patrimonio natural e cultural desta parte da Terra Cha.

Na área recreativa de Penas de Rodas, tutelada polas autoridades de medio ambiente, fóronse facendo obras de conservación e mantemento, ben pola propia Asociación, ben coa axuda do concello de Outeiro de Rei, da Xunta de Galicia ou doutras institucións e entidades públicas ou privadas. Gracias a estes traballos, hoxe disponse de mesas, fontes, grellas e fogóns, un pequeno alboio cuberto para servicio de bar e tenda, un palco-escenario e, sobre todo, unha plantación de numerosas árbores nun recinto dunhas oito hectáreas, con especial atención ás especies autóctonas galegas.

 

Las cookies nos permiten ofrecer nuestros servicios. Al utilizar nuestros servicios, aceptas el uso que hacemos de las cookies. Saber más

Acepto