PREGOEIRO ANO 1998

" cando un é cativo, e algúns fómolo hai xa máis anos do que nos gostaría, as leiras da alma están estercadas para recibir semente nova. E sobre ese territorio virxe vaise pousando o gran de antergos saberes e vellas crenzas que lle dan a súa fasquía específica a cada cultura. Os regos recén abertos abónanse con historias, lendas e supersticións que as anteriores xeneracións acugularon durante séculos. CAndo o froito madurou, sabédelo mellor ca min, , vén a seitura; despois, a malla, e logo, a moenda. Desa fariña, amasada na artesa do peito de cadaquén, estamos feitos; daquelas historias, escoitadas cecais ó redor do lume como nos relatos de Ánxel Fole, non quedan máis cas frangullas, o sustrato, o pouso.

Sen embargo, de vez en cando, algunha daquelas lendas fainos cóxegas na conciencia, quere individualizarse, fuxir do subconsciente colectivo e facerse explícita, coller corpo e acompañarnos na nosa andaina vital; eso foi o que a min me ocurriu coa lenda de Penas de Rodas....

¡ Que fermosa lección de ecoloxía, de vida e morte, como dous extremos que se complementan, irmáns xemeos que non poden vivir o un sen o outro!

Os arqueólogos fuxiron cara outras latitudes e cara outras pedras. Pedras funerarias, pedras fertilizantes, pedras adiviñatorias, pedras furadas, pedras do sacrificio....

A pedra éo todo en Galicia: base, casa, altar, menciña e tamén sartego. Pero non ousaron poñe-la ollada sobre as Penas de Rodas. Ó mellor tamén o dixo Manuel María, porque unha segreda maldición pesa sobre este lugar.

Xa ninguén é quen de esnaquizar estes penedos para descubri-lo seu segredo. Xa ninguén, neste pobo de frebas panteístas, ten a ousadía de corrixir ó canteiro diviño. Xan ninguén vais aposta-la vida da Chaira para conqueri-lo cobizado tesouro. So nos queda, pois, a humilde ofrenda ó pé das Penas de Rodas...."

 

Las cookies nos permiten ofrecer nuestros servicios. Al utilizar nuestros servicios, aceptas el uso que hacemos de las cookies. Saber más

Acepto